As piscinas municipais de Oira abrirán ao público este luns, 29 de xuño, en horario partido -de 11:00 a 15:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas-, con novas medidas de seguridade e con control de aforo. Así o explicou esta mañá Mario Guede, concelleiro de Deportes, nunha visita ás obras de posta a punto destas instalacións, moi prexudicadas polas choivas da fin de verán e perante o novo escenario tralo estado de alarma provocado pola COVID19.
A Xunta de Galicia decreta que só poderá ocuparse o 75% do aforo, polo que serán 500 as persoas que simultaneamente poidan estar gozando dese espazo -1.000 ao día-. Farano logo de solicitar cita previa nunha aplicación web desenvolvida polo Consello Municipal de Deportes (CMD), actualmente en fase de proba -o luns 29 e o martes 30 de xuño non estará operativa, polo que o control de aforo será por orde de chegada-, e en dúas quendas horarias, de modo que se poida realizar unha limpeza intensiva do espazo.